25N: Encontro virtual con Joshua Alonso Mateo en contra das violencias machistas, poesía opaca e bolboretas.

                      “Se a igualdade fose real as mulleres e os homes seríamos moito máis felices”


O pasado xoves 26 de novembro varios centros educativos da contorna (IES de Chapela, IES Pedro Floriani, IES de Teis, IES de Mos, IES Ribeira do Louro), as Bibliotecas Municipais de Redondela e Asociación Andaina de persoas con diversidade, mantiveron un encontro virtual para falar con Joshua Mateo sobre a obra póstuma de Sesé Mateo “No camiño do vento” que nas súas palabras “é unha homenaxe e a necesidade de contar o que ela significa para a súa familia”. 

O acto foi coordinado a través do Club de Letras do IES Pedro Floriani, un proxecto que ten como temática o coidado. Os centros educativos participantes na videoconferencia fixérono a través das bibliotecas escolares ou dos respectivos Grupos de Igualdade, estes últimos están formados por alumnado e profesorado de cada centro que traballa todo o ano en clave feminista. Un total de 250 rapazas e rapaces participaron activamente recitando poemas de Sesé como unha homenaxe á súa persoa en contra das violencias machistas. 

Entre outros léronse “Invito a vivir” “Afirmaciones para honrarme” ou “Cartas para mi abuela Herminia” vivíndose momentos de grande emoción que traspasaron as pantallas.



Joshua falou sobre a súa experiencia, a necesidade urxente da educación en igualdade e o seu desexo de facer a súa achega a través da concienciación da comunidade educativa e da sociedade en xeral. Abordou tamén cuestións relacionadas co seu futuro profesional como Técnico de Igualdade e o seu desexo de seguir avanzando neste percorrido, falou da importancia das iniciativas que traballan coa comunidade educativa e alertou dos perigos actuais nas relacións entre a mocidade. 

Finalmente, o alumnado puido facer as súas preguntas e transmitir o seu cariño e apoio. O acto rematou cun aplauso espontáneo que encheu o ambiente con recoñecemento e respecto.




Tedes á vosa disposición "No camiño do vento" nas Bibliotecas Escolares de todos os centros que participaron asinados pola familia Mateo e para o público en xeral na BPM de Redondela. 

Pódese seguir o traballo de Joshua nas redes

www.facebook.com/nocaminodovento/

www.instagram.com/sesemateo/

www.sesemateo.es/


O encontro foi recollido na prensa local na sección educativa Faroeduca:


Poemas na voz da rapazada que lembran a Sesé Mateo.

Moitos orfos da violencia machista non teñen a capacidade de alzar a voz



Así como nas redes sociais dos diferentes centros educativos: @sesemateo @clubdeletrasfloriani  @biblio_iesteis 


O encontro virtual formou parte dunha acción máis ampla en colaboración co Concello de Redondela e os centros educativos da vila que consitiu en deseñar bolboretas para lembrar as irmás Mirabal: Patria, Minerva e Mª Teresa,  tamén coñecidas como "Las Mariposas". As tres foron asasinadas brutalmente por orde do dictador Rafael Leónidas Trujillo o 25 de novembro de 1960 en República Dominicana.


As bolboretas foron creadas polo alumnado de 2º da ESO  e 1ºFPB Electrónica en sendos obradoiros de poesía opaca que formaron parte dunha exposición colectiva que se pode visitar na entrada do edificio Multiusos da Xunqueira. 








Bibliofloriani, a nosa biblioteca escolar tamén fixo a súa achega en homenaxe a Sesé Mateo con esta fermosa presentación.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Encontro virtual con Eva Mejuto sobre "A Lavandeira de San Simón"

ELISA E MARCELA

Benvida!